LIGA NACIONAL XUVENIL

4-1 | Triunfo solvente do Xuvenil "A"

DOMINGO 23/03/2025 (12:00)  Campo: MIGUEL ÁNGEL-OS REMEDIOS (150)

PABELLÓN CF : 4 – VICTORIA CF : 1 (3-0) 

O Pabellón volveu a gañar como local, e con solvencia, cortando unha racha de catro meses sen vencer no seu feudo, despois de dobregar ao Victoria de A Coruña cun claro marcador que lle permite sumar 49 puntos e seguir en posto de ascenso cando se levan disputadas vinte e cinco xornadas Liga Nacional Xuvenil. Coruxo e Racing de Ferrol suman a mesma puntuación.

Na escuadra pabellonista tivo que debutar inicialmente na portería o cadete Santi pola inoportuna lesión de Abraham no quecemento. O xoven gardameta cumpriu perfectamente. Máis tarde tocaríalle debutar ao seu compañeiro Guille.

Os branquiverdes volveron a recuperar o olfato goleador e ao descanso xa tiñan moito camiño avanzado co 3-0 que campeaba no marcador. Youness fixo os dous primeiros tantos e Julián o terceiro.

O porteiro cadete Santi tivo que debutar inicialmente pola lesión de Abraham no quecemento
O porteiro cadete Santi tivo que debutar inicialmente pola lesión de Abraham no quecemento

Pero os de Iván Alonso e Xoel Docampo tiveron outras tres ocasións claras para que a diferenza fora maior en accións de Lucas, Soriano e Youness, nunha primeira metade que comezou cun Victoria presionando na zona de central do campo dificultando en varios momentos a circulación de balón.

Os ourensáns atoparon nas bandas, como antídoto á presión do rival, a zona de creación dos tres goles desta fase. Os herculinos apenas inquietaron a portería local e soamente nunha indecisión defensiva Javi quixo sorprender cunha vaselina a Santi pero o porteiro branquiverde desviou o balón con acerto.

Os capitáns de ambos equipos xo trio arbitral
Os capitáns de ambos equipos xo trio arbitral

Na segunda metade o Pabellón soubo administrar a importante vantaxe que tiña ante un adversario que fixo catro trocos para iniciar o segundo acto para tratar de revertir a situación. Pese ao gol de Ian, máis tarde o gol de Bruno disiparía calquera posibilidade de reacción dos herculinos. Na próxima xornada o equipo visita ao Conxo Santiago.

FICHA TÉCNICA

Pabellón CF: Santi, Tiago, Lamús, Melguizo (Guille, m.70), André, Ander, Julián, Lucas, Soriano, Youness (Cougil, m.46) e Mociño (Bruno, m.62).

Victoria CF: Martín (Jorge, m.46), Lucas, Manuel, Iván, Seoane, Simón, Pablo (Marcelo, m.46), Xoel (Aarón, m.53), Joel (Ian, m.46), Daniel (Azael, m.46) e Javi.

Árbitro: Adrián Estévez Blanco, asistido nas bandas por Pintos Fernández e López Fernández (Comité Galego-Ourense). Amonestaron a Mociño (m.7) nos locais e nos visitantes a Azael (m.62) e Ian (m.88).

Goles: 1-0, m.3: Youness. 2-0, m.17: Youness. 3-0, m.37: Julián. 3-1, m.56: Iván. 4-1, m.72: Bruno.